Wednesday 22 de May de 2024

O Concello destina 5,3 millóns de euros a axudas de conservación, mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade en vivendas


A Xunta de Goberno Local autorizou este mércores a disposición de 120.000 euros destinados ás becas individuais que promove o Goberno de Inés Rey para apoiar aos deportistas coruñeses

Ademais, hoxe deuse luz verde ao proxecto de reurbanización entre Orillamar e San Amaro, dando continuidade ás melloras que está a acometer o Goberno municipal no sector leste do Paseo Marítimo

O Concello da Coruña disporá un orzamento de 5,3 millóns de euros en axudas para a conservación, a mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade en edificios de vivendas. Así se notificou esta mañá, na Xunta de Goberno Local, ao aprobarse a nova convocatoria para a concesión destas axudas neste exercicio.

As liñas de axuda dispostas polo Goberno de Inés Rey no contexto desta convocatoria son tres: obras de mellora da eficiencia enerxética; obras de accesibilidade; e, por último, obras de conservación dos edificios de uso residencial de vivenda colectiva, no caso daqueles que teñan máis de 50 anos de antigüidade.

As axudas para acometer obras de mellora da eficiencia enerxética financian a reforma de fachadas e cubertas, a substitución de caldeiras, a instalación ou substitución de sistemas de redución do consumo, a instalación de enerxías renovables e o cambio de fiestras. O obxectivo é que as intervencións susceptibles de axuda permitan acadar unha redución da demanda enerxética anual do inmoble de, polo menos, un 25 % sobre a situación previa á actuación.

No referente ás obras de accesibilidade, o servizo municipal de Rehabilitación e Vivenda contempla tres modalidades. A primeira, obras que, en edificios de vivenda colectiva, permitan dispoñer un percorrido totalmente accesible desde o acceso do edificio, na vía pública, ata cada unha das vivendas. A segunda modalidade céntrase nas obras de accesibilidade que afecten ao interior das vivendas nas que residan persoas con mobilidade reducida. A terceira, e última modalidade, busca garantir melloras de accesibilidade no interior das vivendas nas que residan personas maiores de 70 anos.

No tocante ás axudas para acometer obras de conservación, destinaranse a edificios de uso residencial de vivenda colectiva con máis de 50 anos de antigüidade.

O importe destinado ás axudas será desglosado en dúas anualidades, de 2.650.000 euros para cada exercicio, a aplicar entre os anos 2023 e 2024. O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses, a contar desde o día seguinte á publicación do extracto do acordo no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Solicitude de fondos para rehabilitar una nave na Cidade das TIC para usos de IA
Este mércores aprobouse, ademais, o informe-proposta promovido polo Concello e a Universidade da Coruña (UDC) para concorrer á primeira convocatoria do proxecto SUST-AI, dotado cun orzamento de 50 millóns de euros en fondos europeos FEDER.

Neste sentido, o Goberno de Inés Rey e a UDC presentan unha iniciativa orientada á reconvertir unha nave industrial da antiga Fábrica de Armas para erixir un centro de Intelixencia Artificial onde se desenvolverán solucións innovadoras de IA para abordar cuestións vencelladas ao cambio climático, infraestruturas verdes e solucións urbanas baseadas na natureza. O uso da IA serviría, desta forma, para abordar retos medioambientais nun proxecto que tamén implicaría ás asociacións veciñais, atendendo as necesidades e preocupacións da cidadanía no eido do medio ambiente.

Esta proposta, ideada para potenciar as instalacións da futura Cidade das TIC, coas obras xa en marcha desde maio de 2022, lévase a cabo co obxectivo de reforzar a aposta do Goberno de Inés Rey polo sector tecnolóxico como un dos principais motores económicos e laborais da cidade, coa recente elección da Coruña como sede permanente da Agencia Nacional Española para la Supervisión de la Inteligencia Artificial (AESIA).

Becas Deportivas 2023
Tamén hoxe, a Xunta de Goberno de Local autorizou un investimento de 120.000 euros destinado a sufragar as becas deportivas para deportistas individuais, unha iniciativa promovida polo Concello da Coruña co obxectivo de promocionar o deporte coruñés apoiando de forma directa a profesionais de diversas disciplinas deportivas, todos eles residentes no termo municipal.

Luz verde ao plan de urbanización entre Orillamar e San Amaro
A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores o proxecto de urbanización dunha superficie de algo máis de 15.700 metros cadrados entre Orillamar e San Amaro.

Esta superficie está dividida en dúas grandes áreas, actualmente sen urbanizar, na contorna da residencia da terceira idade Torrente Ballester. Neste sentido, aproveitarase a parcela existente e sen urbanizar entre o cemiterio de San Amaro, a rúa San Pedro e o Paseo Marítimo para crear unha nova área verde onde se disporá unha senda peonil e unha nova zona de xogos infantís.

A maiores, acometerase a remodelación integral dunha parcela localizada na contorna da rúa Regata Cutty Sark, tras a Cidade Deportiva da Torre e fronte á praia de San Amaro, para concretar a súa transformación como unha nova área verde que tamén abrirá novos espazos peonís e de lecer fronte ao Paseo Marítimo. Desta forma, dase solución a unha demanda da veciñanza de Durmideiras nunha zona que actualmente era un foco de maleza.

Ademais, o proxecto que recibiu hoxe luz verde contempla a construción de ata tres edificios de vivendas que estarán ubicados en sendas parcelas localizadas entre as rúas Fonte de San Amaro, San Amaro e San Pedro.

Os propietarios do polígono deberán acometer a urbanización da contorna, o que inclúe a ampliación dos tramos viais das rúas Fonte de San Amaro, San Amaro e San Pedro.
Grazas á autorización deste proxecto, o Concello avanza no plan de mellora urbanística no sector leste do Paseo Marítimo, onde continúan os traballos para humanizar e dotar de novas áreas verdes e de lecer ao tramo que conecta o viaduto das Ánimas co cemiterio de San Amaro.

Esta intervención tamén abrangue unha ampliación dos espazos peonís e os carrís para corredores e bicicletas.

Crematorio do cemiterio municipal de Feáns
Ademais, este mércores, a Xunta de Goberno Local acordou a adxudicación do servizo de mantemento do forno crematario do cemiterio municipal de Santa Cecilia de Feáns, que será asumido pola empresa Multiservicios Tritón.

O contrato, que terá unha duración inicial de dous anos, prorrogables anualmente por tres máis, conta cun orzamento de 157.233,45 euros por exercicio.

A XGL concedeu licenza para a construción dunha nave industral en Vío
Na XGL informouse das licenzas resoltas no período entre os días 5 e 12 de xaneiro, con 75 expedientes notificados, dos que 25 foron licenzas urbanísticas e 31 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas concedidas destaca a que permitirá á Promotora Urbana de Vío a construción dunha nave industrial no polígono homónimo. Concretamente, na parcela M8-2B. O prazo de execución para concretar os traballos será de 18 meses, e deberán iniciarse antes de seis, toda vez que sexa notificada a licenza.

O orzamento previsto para acometer a instalación da nave, que será destinada a usos de almacenamento, é de 1,6 millóns de euros.

Por outra banda, o Goberno municipal autorizou a concesión de licenza á empresa Seagull Paseo de Ronda para a construción dun edificio de 40 vivendas en sete alturas, baixo comercial e garaxe na rúa Pedro Ferrer, na confluencia entre a rúa Manuel Murguía e o Paseo de Ronda.

O prazo de execución dos traballos, que esixirán un investimento de 3,5 millóns de euros, é de 30 meses, e terán que iniciarse antes de seis, toda vez que sexa notificada a concesión de licenza á empresa demandante da mesma.

Convenio coa Autoridade Portuaria no proxecto Conecta Coruña
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio coa Autoridade Portuaria, vinculado ao proxecto tecnolóxico Conecta Coruña, unha iniciativa dotada con cinco millóns de euros, cofinanciada con fondos FEDER, que promove infraestruturas intelixentes e o uso do ‘big data’ en máis de 200 edificios da cidade.

Baseándose nese proxecto, o Concello acometerá a instalación de sensores intelixentes grazas aos que poderá optimizarse nos edificios o consumo de recursos hídricos, valorar axustes automáticos da iluminación e dispor dunha medición continua do gas radón, mitigando riscos para a saúde das persoas.

Tras os catro convenios aprobados con anterioridade, que posibilitaron a adhesión da Universidade da Coruña, a lonxa da Coruña, Cruz Vermella e o Instituto Médico Quirúrxico San Rafael a este proxecto, hoxe autorizouse a aprobación do acordo para que a sede da Autoridade Portuaria, na avenida da Mariña, e a Torre de Hércules, conten con sensores intelixentes destinados, por exemplo, á monitorización de consumo de servizos esenciais (auga e enerxía eléctrica), o control de aforo de ámbolos dous edificios, así como para a detección de fumes ou fugas de gases.